Monday 29 de April de 2024

Ildefonso de la Campa destaca a importancia de que as persoas maiores teñan a ocasión de seguir coa súa formación e aprendizaxe


Garante o apoio da Xunta de Galicia a iniciativas que favorezan o envellecemento activo

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou hoxe a importancia de que as persoas maiores teñan a oportunidade de formarse e seguir aprendendo dunha maneira activa. Díxoo durante a clausura e entrega de diplomas da segunda edición do “Programa de democratización do coñecemento na Costa da Morte”, organizado pola Universidade Sénior da Coruña

Ildefonso de la Campa garantiu o apoio da Xunta de Galicia a todas as iniciativas que favorezan o envellecemento activo, como é o caso deste programa dirixido a maiores de 50 anos. Neste sentido, sinalou que o impulso deste tipo de actividades culturais, formativas e educativas permite ás persoas maiores compartir experiencias, facer novas amizades e estar en contacto con xeracións máis novas.

O acto de clausura do curso, que tivo lugar no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Náutico e Máquinas da Coruña, contou coa participación do profesor Felipe Louzán que deu un relatorio sobre os naufraxios da Costa da Morte e tamén houbo un concerto a cargo de Ruppert Twine e Valentina Jelihovschi.